viernes, 27 de febrero de 2009

O próximo "til" de Pobo de Deus


A volta dos decepcionados

Os que volven empezar
Cunha frecuencia que aumenta aparecen nas comunidades e grupos cristiáns persoas que durante moitos anos estiveron á marxe da vida de fe -incluso resentidos contra ela- e agora están de volta. Este retorno á vivencia, da fe, xa eclesialmente “integrada”, é algo que está acontecendo polo mundo adiante, non só en España. En Francia cuñaron unha expresión para designar os cristiáns que recuperan a práctica relixiosa. Son os “recommençants”: “os que empezan outra vez”.
¿Por qué abandonaron?
As causas polas que estas persoas deixaron de crer son do máis variado e non é fácil atoparlles un nexo común. Hai quen simplemente se deixou levar dunha inercia, “porque o meu marido non é crente”, “porque a misa e os rezos, Deus, xa non me dicían nada”, “porque o meu ambiente non me alentaba”... En ocasións son auténticas crises nas que non só a fe, o sentido mesmo da vida, foron postos a proba: unha enfermidade ou unha desgracia familiar inesperada, noticias escandalosas sobre eclesiásticos, o encontronazo persoal cun cura ou un catequista de actitudes pouco ou nada evanxélicas…
Nalgún caso a distancia vai dando paso a un sentimento de alerxia, de resentimento, de rexeitamento instintivo a todo o que procede da Igrexa, dos bispos, dos cregos, da parroquia, dos crentes…
Non volven como cando se foron
Os que retoman a vivencia práctica da fe fano despois dunha madura e nalgún caso moi dura reflexión. Entran nun proceso de conversión persoal, fonda e determinante. As palabras antes fofas e baleiras empezan a pronunciarse con respecto e resoan no íntimo con resplandores ilusionantes de luz e alegría. Con silencios de adoración e gratitude. Os “retornados” volven cunha madurez nova, en busca dunha Igrexa a quen antes non lle pasaban a mínima. Esta experiencia vén acompañada e seguida da necesidade de saber máis, de formarse, de actualizarse, de obter respostas, de soster o diálogo interno entre a razón, a sociedade, as preguntas máis urxentes e o evanxeo, a fe, a pertenza eclesial. Cando se foron non tiñan esas inquietudes. Agora veñen sedentos de achegarse á palabra de Deus, á teoloxía, aos grupos eclesiais máis vivos, ao testemuño compartido e celebrado da fe. A lección que traen mellor aprendida é a comprensión lúcida e xenerosa das faltas e miserias que todos os cristiáns arrastramos na loita cotiá da fe, así como a rendida admiración pola fe luminosa e fonda dos humildes, da xente común. Buscan e queren unha Igrexa renovada.
¿Podémolos axudar?
Unha comunidade ou grupo que acolle e que facilita a inserción real e práctica na vida eclesial, esa é a primeira axuda que debemos ofrecer. En ámbitos urbáns non será difícil integralos en grupos de “cristiáns en busca” , onde poidan compartir inquietudes e mais a oración, a comprensión persoal do evanxeo e incluso o testemuño da fe no propio ambiente.
Nestas mesmas páxinas presentei hai tempo o libro de André Fossion, Volver a empezar. Veinte caminos para volver a la fe, publicado por Sal Terrae. Propóñoo agora como “manual” para grupos de “retornados” . Será tamén un bo compañeiro de coresma e pascua para calquera lector sensible.
Hai pouco apareceu nas librerías un suxerente libro de J. A. Pagola, Creer, ¿para qué? Conversaciones con alejados. A súa lectura é recomendable para todos, pero en especial é moi apropiado para “os cristiáns en busca”. Está pensado expresamente para ser manual de grupo nas reunións de “buscadores de Deus” e por iso inclúe cuestionarios de reflexión que facilitan o desenvolvemento práctico do compartir neses encontros.
No camiño de “refundar” a fe e alentar a conversión persoal, pode ser útil tamén o recoñecido “bestseller” de espiritualidade El Regreso del Hijo pródigo, de Henri J. M. Nouwen , publicado por PPC.
A.G.V.

No hay comentarios:

Publicar un comentario