lunes, 19 de enero de 2009

A CAMPAÑA DE PUBLICIDADE ATEA NOS AUTOBUSES


Os adelanto mi comentario sobre este tema en Pobo de Deus ("O til, 25/01/09) y en DUMIO (Suplemento de la diócesis de Mondoñedo-Ferrol, La Voz de Galicia, edición A Mariña luguesa, 29/01/09). Ya me daréis vuestra opinión.


A novidade e a sorpresa

A novidade reside en que algúns grupos de ateos militantes, primeiro no Reino Unido, despois en USA e agora en España, se asocian e organizan para funcionar como unha confesión relixiosa, incluso empregando como medios de sostemento as aportacións voluntarias dos seus “fieis” ateos.

A sorpresa consiste nos propios termos da mensaxe (“Probablemente Deus non existe. Non te preocupes. Goza da vida”), no soporte elixido, os autobuses, e na agresividade, en termos comerciais, da campaña.

El país, 16/01/2009

Toda campaña publicitaria ben programada, e esta o é, ten uns obxectivos e uns destinatarios preferentes. Dos obxectivos falaron abondo os promotores, revelando, en xeral, que están molestos coas mensaxes relixiosas difundidas publicamente e querendo, así, facerse socialmente presentes co seu ateísmo confesional. Dos destinatarios preferentes non falaron, pero está claro que a chamada a non agobiarse e gozar da vida terá mellor acollida na xente máis nova e, en xeral, en todos os que non teñen aínda definido o seu proxecto de vida.

Que os promotores da campaña estean molestos coa difusión pública de mensaxes e actividades relixiosas fai sospeitar que non teñen ben asumida a súa incredulidade. Cando unha persoa está á marxe de actividades ou intereses que non lle afectan, o normal é responder con indiferencia ante os reclamos procedentes de tales ámbitos. Atopámonos aquí cun ateísmo militante, a igrexa ateísta, que mostra a súa reacción fronte ao fenómeno relixioso. Desde unha posición de incredulidade o debuxante El Roto ironiza en El País co nacemento desta nova igrexa.

A mensaxe da campaña

Se deixamos a un lado a confesión de fe no ateísmo, os contidos da mensaxe son bastante impresentables, polo que expresan explicitamente e polo que dan por suposto. Negada “probablemente” a existencia de Deus (para non incorrer en dogmatismo expreso), faise unha invitación a eludir deberes ou responsabilidades: “non te preocupes” é a conclusión. Coma se, non habendo Deus, a persoa quedase liberada dun insoportable peso e de esixencias éticas. A convivencia coas outras persoas demanda respostas cando elas ou nós entramos en carencias de afecto, de saúde, de benestar, de traballo... Chamar a esquecer ou pasar de responsabilidades paréceme moi arriscado, educativa e humanamente falando. Incluso Xesús de Nazaret, que apelaba a vivir confiadamente en Deus, nos tiña advertido de que “cada día ten as súas angueiras” (Mt 6, 31-34).

O que a mensaxe supón é que a fe en Deus impón cargas insoportables e deberes ou responsabilidades que lle restan alegría ao vivir. Esta é unha mensaxe antiga, con raiceiras fondas no máis primitivo paganismo, recuperada no século XIX polo filósofo alemán Nietszche e favorecida en Europa e en España sobre todo por algúns artistas e poetas. Considero oportuno recomendar aquí a lectura de España entre cristianismo y paganismo, do teólogo Bueno de la Fuente, onde se desenvolve con finura e precisión esta tendencia cultural.

En moitas actitudes vitais -e non so dos máis novos- está estendida esta posición: “vive e deixa vivir”. A triste consecuencia da mesma é a insolidariedade respecto dos outros e a frivolidade respecto da vida propia. En ambos os dous casos, son modos de vivir que están facendo estrago nas persoas e causan moito sufrimento nas familias.

A resposta dos crentes

Os cristiáns, sen botar campás a repicar, debemos estar interiormente contentos de que o anuncio de Deus e de Xesucristo siga sendo un anuncio provocador e incluso molesto para quen desexa vivir sen responsabilidades. Nunha sociedade materializada e hedonista, o evanxeo é provocación, unha aguilloada que obriga a espertar e tomar posición. Nos ambientes onde se traman estas campañas acusan ao cristianismo de corromper a inocencia da natureza humana, destinada de seu a gozar da vida sen límites de ningunha clase. Entre o nubeiro de irresponsables e frívolos, os cristiáns perseveramos en apelar aos comportamentos humanos responsables e ofrecer unha felicidade e unha alegría que emanan do amor e da entrega aos carentes de bens, de cariño, de acollida.

Por iso, ante campañas coma esta, non debemos responder crispados nin alporizados -cousa que enchería de satisfacción aos promotores-, senón dispostos a seguir desafiando ao mundo co testemuño dunha fe que asenta a persoa na confianza en Deus, unha fe que libera e enche de sentido a vida; que nos abre os ollos para ver e defender os pequenos e indefensos e nos fai gozar da paradóxica felicidade das benaventuranzas de Cristo.

A.G.V.

No hay comentarios:

Publicar un comentario