martes, 28 de abril de 2009

O próximo til: ministerio, servizo, vocación

O MINISTERIO

As travesuras co telemando permitíronme ver na tardiña do domingo 19 de abril, o cordial coloquio que ofreceu a cadea televisiva Cuatro entre os irmáns Gabilondo, o ben coñecido xornalista, Iñaki, e o novo ministro de Educación, Angel.






Recordo aquí esa conversa porque a entrevista empezou pola estrañeza do coñecido presentador ante o compromiso político asumido polo seu irmán, que non é militante do PSOE, a diferenza dos outros compañeiros de goberno.
O entrevistado, con gran naturalidade, respondeu máis ou menos o seguinte:
- A este tipo de servizos o normal é que non se aspire nin se pense neles. Chámante. E un responde, por puro sentido de responsabilidade. Eu fun chamado a isto, non o busquei. Iso xa ten acontecido antes na miña vida, cando me vin ante o desafío de asumir servizos que outras persoas me confiaban ou me chamaban a exercer. Naturalmente a chamada ten que ir acompañada dun proxecto que te seduce e que razoablemente compartes.
Vocación
Gustáronme estas palabras do ex¬-reitor da Universidade Complutense e parecéronme unha expresión axustada do que é unha vocación, neste caso, vocación política de servizo ao ben común.
Calquera sacerdote ou bispo, calquera catequista, calquera presidente ou coordinador dunha asociación ou movemento cristián darían a mesma resposta, se se lles preguntase pola razón do seu ministerio. Nas comunidades cristiás as persoas son chamadas ao respectivo “ministerio” por medio da propia Igrexa (o bispo, o párroco, os compañeiros de asociación…) e nesa chamada -ademais da confianza dos irmáns- intúen a chamada de Deus.
O servizo ao ben común como políticos é tamén resposta a unha chamada do Señor. E, por certo, se nos doemos das poucas vocacións ao ministerio sacerdotal, tamén nos deberiamos doer do escaso sentido vocacional e ministerial de moitos cristiáns e das moi escasas vocacións ao compromiso político, que é, de seu, un exercicio específico da caridade, como ensina o Papa Bieito XVI: Segue sendo verdade que a caridade debe animar toda a existencia dos fieis laicos e tamén, polo tanto, a súa actividade política, vivida como “caridade social” (Deus caritas est, 29).
Etimoloxía e evanxeo
As palabras “ministerio” e “ministro” proceden do adverbio latino minus, de onde derivan tamén palabras como “menor” e “mínimo”. Na súa orixe a palabra “ministerio” referíase ao labor, “mester”, dos inferiores, isto é, o labor dos escravos e servidores. A palabra “ministerio”, ennobrecida tamén hoxe no ámbito eclesial, designaba as tarefas duras e de moito sacrificio corporal. Cando Xesús orienta o sentido da autoridade na comunidade cristiá, fixa o estilo do “ministerio”: Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva os demais; e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servicial; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a vida en rescate por todos (Mt 20, 25-28).
Exercer na Igrexa o ministerio pastoral da unidade e da ensinanza (bispos, presbíteros, diáconos), exercer o ministerio da administración e comunicación de bens (economía), exercer o ministerio da caridade e solidariedade cristiás (Caritas, Mans Unidas…), exercer o ministerio da sensibilización corresponsable do anuncio evanxélico (Misións), exercer o ministerio catequético, exercer o ministerio litúrxico do canto, da estética, do altar (lectores, acólitos e sancristáns), exercer o ministerio consolador da visita aos enfermos e presos, exercer o ministerio da coordinación das asociacións e organizacións laicais, todas as variantes de ministerios, incluídos os xerárquicos, son vocación ao servizo, non ao poder.
Na Igrexa preside e manda ben quen acerta a unir e servir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario