domingo, 12 de julio de 2009

Andrés en La Voz


Andrés García Vilariño

Crego e director de «A santa misa» na TVG


«Deus é moi raro»

Mestre, escritor e presentador, non leva con divismo ser unha estrela da televisión, líder na súa franxa; e tampouco é partidario de burocratizar máis a Igrexa

Autor:
Por Nacho Mirás Fole nacho.miras@lavoz.es
Fecha de publicación:
8/9/2008
Non hai moitos cregos que, cada domingo, misen para 20.000 fieis, e iso sen contar os telespectadores que seguen a Santa Misa en galego grazas ás emisións vía satélite da Televisión de Galicia. Andrés García Vilariño (Carballo, 1946) é o condutor dun programa que é líder na súa franxa de audiencia.
-¡Tremenda parroquia!
-
Teño unha parroquia virtual moi interesante, da que recibo ademais, constantemente, o apoio de moitas persoas, desde Europa, de América... En Galicia sabemos que estamos entre os 15.000 e os 20.000 seguidores, e cunha audiencia fiel, que busca a misa. Estamos entre o dezasete e o vinte de cota de pantalla nese momento.
-E iso que vai moi cedo...
-
Vai ás nove da mañá. Antes era ás 10.30, e é unha mágoa que non sexa despois das dez, porque nos hospitais, os doentes poderían unirse.
-Pero se estiran moito igual compiten coa fórmula 1...
-[Ri] Pode ser [ri outra vez].
-Algún cambio houbo desde que facía a misa o seu antecesor, o Padre Isorna...
-
Algún. Eu pedín que non fose en plató, senón nunha parroquia. Agora o facemos en San Frutuoso, en Santiago, moi acolledora e, artisticamente, máis fermosa. O que pretendo é que a xente que nos segue nos sinta como a súa propia parroquia. E os habituais da misa xa son coñecidos polos televidentes, non só o cura.
-¿Haberá xente que cante na casa cando toca cantar?
-¡Confío! Algúns si que me din que é así. Hai pouco veu por aquí un señor de Miami, que me buscou porque quería saudarme persoalmente. Ocorre con certa frecuencia, estou pensando nunha señora portuguesa que veu desde Alemaña a Santiago, aproveitando as vacacións de camiño a Portugal, porque quería verme en persoa.
-Non deixa de ser unha estrela da tele, logo...
-
Xa, pero non o levo con divismo, iso sería absurdo. Creo que estamos prestando un servizo bonito e significativo. Gustaríame propoñerlles aos reitores da televisión, antes de que haxa cambios electorais, que consideren o retrasar a misa media hora máis; temos unha cota de pantalla que nos dá dereito a solicitalo.
-Unha curiosidade. ¿Ten que pasar por maquillaxe?
-
Si, claro, pero levemente. Máis que nada porque, como me falta moito pelo...
-¿E o medo escénico?
-
Axuda moito o ter levado o programa A Sentinela ata o 2006, son moitos anos, moitas entrevistas... Iso dá unha certa naturalidade. Na celebración procuro esquecerme da cámara. Xa estou curado de espanto.
-¿Chega igual a palabra de Deus a través da tele?
-¡Que va! ¡En absoluto! Non hai cousa mellor que o contacto persoal. Non deixa de ser un contacto virtual. Na medida en que hai veracidade no que fas, no que cres, poden tomarte en serio. Eu diríxome moitas veces a esa audiencia virtual para que poña un pouco de calor no seguimento dese programa porque, a fin de contas, é un programa. Os que estamos en San Frutuoso celebramos a misa; os que nos ven, están vendo un programa de televisión. E a pantalla é moi fría e, ademais, desfiguradora.
-Din que fai a un máis gordo...
-
Non sei, pero noto que ennobrece. Na tele todo é máis lindo, e a realidade é moito máis austera.
-Vostede sempre apostou polo galego como ferramenta de comunicación, participou na tradución da Biblia ao noso idioma...
-Hai moita xente que considera que a lingua pode ser unha barreira para a comunicación, e eu entendo o contrario. Doume conta que co galego chegamos á xente sinxela de Galicia, pero o galego tamén é a lingua protocolaria, ritual da política. É unha aposta pola xente como eran meus pais, pero tampouco é unha aposta política, iso non me corresponde a min.
-Logo, no xuízo final, podemos estar tranquilos defendéndonos en galego...
-
Si, porque a linguaxe que Deus fala é a linguaxe do amor. Se manexamos esa linguaxe, seremos recoñecidos como fillos.
-¿En que quedou aquela idea de que A Coruña tivera bispado propio?
-
Non son partidario de aumentar o peso burocrático da Igrexa. Hai quen di que A Coruña estaría mellor coordenada se tivera un bispo local, pero eu miro a Santiago, que ten un arcebispo, e non vexo que as parroquias estean alí máis coordenadas que aquí, incluso diría -pode ser que se me ofendan en Santiago, pero ti déixao ir- que están bastante peor.
-¿E iso de que Deus apreta pero non afoga?
-
Deus é moi raro [ri]. Como dicía o salmo da misa de hoxe, confía no Señor e el actuará; pon nel as túas ledicias e el darache o que desexa o teu corazón. Eu neso creo. Ás veces atribuímoslle a Deus as dificultades da vida, e a vida do ser humano, pola propia condición do ser humano, é precaria.
Luis Miguel

No hay comentarios:

Publicar un comentario